domingo, 24 de diciembre de 2017

Brinde




Contemplar a liña da man
sostendo os capilares que a enfían

disporás as palmas en cunca

que escancien pétalas sobre ti
como a densidade da choiva sobre a raíz que alimenta

que escancien a voz no soñado

brindaremos

Imaxe: Xardíns da Alhambra.

sábado, 23 de diciembre de 2017

The arctic





 lembra do ártico    tamén hábitat
a pelaxe do raposo encetando o estío
os narvais perforando os derradeiros fragmentos da banquisa
pra respirar
aníñanse coma ti en favor do desxeo: mostrando os incisivos

que tanta criatura emerxendo na diapausa
violando a adversidade para sincronizar o desexo

o paso cara o ciclo tamén é resistencia
o paso da permuta
o paso

pronto decatarse que sorrir é unha forma cristalina
por iso o poema

Imaxe: raposo ártico (Alopex lagopus) en plena muda.

domingo, 23 de julio de 2017

COMPOSTELA






Para Oscar Chavarría e Dani Francos

COMPOSTELA
 
o poema comeza cromando as pautas da esperanza
percorrendo un quinteiro orfo de barbarie
a mesma aorta de todos os días:     xoves
entre o arrabalde e o corazón
un grafismo     prorrogándose
coma o licor café do Avante

construímos unha cerbatana
os fíos das oucas entre os beizos
humedecidos -coma sempre- humedecidas
invertemos o sopro
as metáforas afogando a estrofa
o curare
medir a distancia da perfección     finita
coñecer onde garda a sede     a gorxa
presentir ecos de pálpebras
a transparencia: nós
cos sentidos namorados de si mesmos
das súas propias intencións

ao mellor da tempo de:     ir ó Ruta
comentoulle unha rosa amputada a unha palmeira
mentres, o da Traba ás voltas con Federico Antón
que se marcha mañá, que se vai prá Habana
e o epiléptico -sorrir é aguilloar a morte-
sen vitaminas

ouvimos como esvara o tempo
entre bandeiras
ególatras do bulicio
por cada soño un grolo
ate encherse de ilusión
ou de luz

as badaladas dun edificio amantado
a viruxe erguendo sotanas: a fe irta
o trino dos paxaros: as 5:52
anunciando
a evaporación das tebras
na pel do abrente

coa levidade contornando a paisaxe
entre os cascallos da escuridade
-marchamos, coma o poema, marchamos-
a noite e os seus vestixios decrépitos
rematan na proxección do astro

percorremos o quinteiro de volta
ao chegar
coma na vida buscamos as chaves
coma na vida abrimos as portas
coma na vida rematamos con fame

eu atopara en vós:
a reviviscencia
seguir cantando entre os cumios
do taViKe e o taVaKo
subidos ao gran púlpito da amizade
meus, unha vez máis e para sempre
en consonancia:
...que bonita está polas noites Compostela...

sábado, 8 de julio de 2017

VIII




VIII

afluír
na unicidade doutra carne
-ese resoar de amor e morte-
que descoñece as escarpadas rexións da dor
sosterse, respirar, tremelucir
coa incandescencia das pupilas dun ferreiro
moldeando na zafra amálgamas retrospectivas
o mercurio dos personaxes truncados
no gume

disputar
mil batallas que nos pertencen
e morrer na trincheira, no xardín
co amor baténdote de fronte
as súas trobadorescas xeometrías
as balas de pólvora intravenosa
ferrándote
á vida

(Relento da consigna; 2º Premio XXIV Certame Literario de Poesía e Narración Breve de Cambre, 2017)

martes, 4 de julio de 2017

IX

 
IX

o poema comeza nun mar calmo
cos coitelos da catástrofe romos
o hálito prorrogándose
dilatando o istmo comunicado
coa península dos seus soños

o tempo: o amorodo estrangulándose
entre a lingua e o padal
a tersa rugosidade
as papilas, o refocilar
na magnitude espuria
do froito

contemplámonos na fusión da arnela
somos o abano de sedimentos e os cantos rodados
o percutido fluír no abatemento
a repousar sempre nos leitos do amor

as inquietudes pérdense
nun lene paseo unidireccional
e a friaxe das ondas
o sentir nuns pés renovados
a solidez do camiño

fitamos un balde violáceo de sangue quente
sucada por exiguos cúmulos de ás
néganse ao peche dun mundo
no que o poema quere rematar e nunca o fai
pois a percepción do instante
prolóngase

(Relento da consigna; 2º Premio XXIV Certame Literario de Poesía e Narración Breve de Cambre, 2017)

domingo, 28 de mayo de 2017

Brigantium, loita e memoria




Brigantium, loita e memoria



Cando o mestre entrou pola porta, dirixiuse ao encerado e nunha figurada letra cursiva, escribíu:

Narcisismo

Sigo os pasos do sangue no meu corpo
e coa unlla do meu dedo máis firme
abro un sulco vermello en media lúa
na vea que me acolle tan azul.

Pouco antes, co condicionante de prestarllo a quen mo pedira, regalárame un libro (55 mentiras sobre a lingua galega), no que pon:

¿Como chamaríamos a un home que consentise o derrubamento do Pórtico da Groria? Pois é certamente máis bárbaro quen deixa morrer o idioma, obra de arte insuperable, feita con amor, con door e con ledicia polos nosos antergos, que recibimos en herdo e que temos a obriga de enriquecer co espirito do noso tempo.

Alfonso R. Castelao

Na terceira mentira cítase:

3. A lingua galega nunca foi discriminada. O pobo galego elixiu voluntariamente o castelán na procura do seu benestar. Os galegos adoptaron de maneira natural o castelán porque viron que lles abría máis posibilidades de futuro que o galego.

1717: Decreto de nueva planta: "los corregidores pondrán el mayor cuidado en introducir la lengua castellana, a cuyo fin darán las providencias más templadas y disimuladas para que se consiga el efecto sin que se note el cuidado".

1768: Real cédula de Aranjuez. Art. VII: "Mando que la enseñanza se haga en lengua castellana dondequiera que se practique, cuidando de su cumplimiento las audiencias y justicias respectivas".

1896: Prohibición da Dirección General de Correos y Telegrafos para falar por teléfono en linguas diferentes do castelán.

1936: No xuízo sumarísimo e ilegal ao que foi sometido en Pontevedra Alexándre Bóveda (17/8/1936), o presidente do tribunal que o xulgou permitiulle dicir unhas palabras ao final, pero con dúas condicións: falar só por espazo de dez minutos e "no expresarse sino en el idioma glorioso de los buenos españoles, que es el español, y de ninguna manera en el dialecto gallego".

1942: O xornal El Ideal Gallego publica que "el Gobernador de la provincia multó a varios vecinos por hablar en público en gallego".

1955: Nunha folla voandeira saída da Imprenta Sindical da Coruña e distribuída por toda Galicia dicíase: "Hable bien. Sea patriota. No sea Bárbaro. Es de cumplido caballero que Usted hable nuestro idioma oficial, o sea, el castellano. Es ser patriota. Viva España y la disciplina y nuestro idioma cervantino (nunca poderei pronunciar as palabras que proseguen entre exclamacións) ¡¡Arriba España!!".

1967: O ministro de Información e Turismo, Manuel Fraga Iribarne, ameaza con pechar o xornal coruñés La Voz de Galicia se lle outorgan un premio a un artigo escrito en galego. O director do xornal, Francisco Pillado Rivadulla, foi multado con 50.000 pesetas da época (hoxe, aproximadamente, 10.000 euros).

2007: O regulamento interno da UNED prohibía usar en traballos de investigación outras linguas que non fosen o español "ou linguas internacionais", pero non o galego, catalán ou éuscaro; só a teimosía e resistencia dun doutor galego, que tivo a tese paralizada tres anos por estar no noso idioma, conseguiu que se abolise moi recentemente esa prohibición.

2008: Seguen aínda en vigor arredor de 150 disposicións, artigos e decretos que obrigan ao uso do castelán na industria e no comercio (etiquetaxe, prospectos, instrucións de uso, etc.). Só en 2008, tres reais decretos impoñían o uso do español na etiquetaxe: RD 1079/2008, RD 1246/2008 e RD 1644/2008; porén, seica o artigo que obrigaba ao bilingüismo castelán-galego na Lei de comercio galega é imposición, os outros 150 que obrigan ao monolingüísmo en español non o son.

AMIGOS! a nosa vida é unha ininterrompida loita concisa: os pés da Patria, o idioma. Por iso quero agradecer a todos os aquí presentes e en especial aos premiados, o feito de forxar a identidade da nosa lingua, de forxar a conciencia de articular unha renovada comunicación en galego. Especialmente quérolle agradecer a "O Facho" a súa transcendencia histórica tanto para A Coruña coma para o País. Para iso debo lembrar que foi fundada na década dos 60, coma a maioría de asociacións que xurdiron a greas naquel tempo; cando o franquismo deu as derradeiras poutadas tanxibles en Moncho Reboiras e Humberto Baena. Debo lembrar polo tanto, o voso heroico exercicio de defensa e promoción da nosa lingua nun tempo tan escuro.
 
Emprazada na "FedericoTapia" (pois por aquí e daquela non se citaban as rúas como "rúas"), nese dobre gume da lanza que desertou: en pleno centro burgués. Os membros da BPS adoitaban virvos ás conferencias, pois os vosos fundadores non entendían a loita cultural ao vello xeito. A idea da cultura como reduto "non político" morrera e morreu con Vicente Risco; a partir de aí tense clara a conciencia de que todo contido cultural é político e viceversa.

Após de loar a vosa labor durante a época da resistencia antifranquista, quérovos agradecer o feito de ser berce de poetas como Lois Pereiro cuxa morte aínda ten hoxe responsabilidades políticas derivadas dun sistema capitalista que enfunda o seu lóbrego traxe neoliberal. De poetas como o meu gran mestre Xabier Cordal, aínda que debedes saber que nos eidos da poesía máis ben son autodidacta. Recentemente de Tamara Andrés, da que estou ben fixo que (se non o é xa), será unha das grandes voces renovadoras da nosa literatura; pois non sei que lles dan de comer en Pontevedra, debe ser o "Omega-3" das sardiñas, a min que me gusta máis o touciño, non teño tanto aporte vitamínico.

Remato con dúas citas, na primeiro puiden citar aos centos de republicanos, sindicalistas e esquerdistas, xeralmente sacados do cárcere da Coruña e paseados no Campo da Rata, onde esta escrito:

Inmolados nestes campos fronte o mar tenebroso por amar causas xustas.
Presentes na lembranza do povo e do seu concello da Coruña.

Isaac Díaz Pardo

Na primeira:
 
Home de 33 anos, Mestre, Natural de Carballo (A Coruña), Veciñanza: Sergude, Carral, Morto o 07 de decembro de 1940. Detención en Carral e 3 meses de prisión na Coruña en 1936. Dous anos de suspensión de emprego e soldo. Mobilización no exército franquista. Deserción e detención. Xulgado na Coruña por traizón á patria co resultado de sentenza a pena de morte. Execución no Campo da Rata.

Na segunda:

"Juana: Has sido lo más hermoso de mi vida. Donde esté y mientras pueda pensar, pensaré en ti. Será como si estemos juntos. Beso tu anillo una vez cada día. Te quiero. Paco. Para Juana Capdevielle, mi querida esposa. Viernes, 24 de julio de 1936, cinco de la madrugada."

Francisco Pérez Carballo

25 días despois reencontraríanse: o cadáver de Juana Capdevielle presentando un avanzado estado de xestación, apareceu nos arredores de Rábade (Lugo). Por todo isto, e por moito máis:

#Loitade

Na man o naranxeiro
entre a pólvora das balas
soamente o calibre
da memoria.

Brigantium, por sempre, Brigantium!