domingo, 23 de julio de 2017

COMPOSTELA






Para Oscar Chavarría e Dani Francos

COMPOSTELA
 
o poema comeza cromando as pautas da esperanza
percorrendo un quinteiro orfo de barbarie
a mesma aorta de todos os días:     xoves
entre o arrabalde e o corazón
un grafismo     prorrogándose
coma o licor café do Avante

construímos unha cerbatana
os fíos das oucas entre os beizos
humedecidos -coma sempre- humedecidas
invertemos o sopro
as metáforas afogando a estrofa
o curare
medir a distancia da perfección     finita
coñecer onde garda a sede     a gorxa
presentir ecos de pálpebras
a transparencia: nós
cos sentidos namorados de si mesmos
das súas propias intencións

ao mellor da tempo de:     ir ó Ruta
comentoulle unha rosa amputada a unha palmeira
mentres, o da Traba ás voltas con Federico Antón
que se marcha mañá, que se vai prá Habana
e o epiléptico -sorrir é aguilloar a morte-
sen vitaminas

ouvimos como esvara o tempo
entre bandeiras
ególatras do bulicio
por cada soño un grolo
ate encherse de ilusión
ou de luz

as badaladas dun edificio amantado
a viruxe erguendo sotanas: a fe irta
o trino dos paxaros: as 5:52
anunciando
a evaporación das tebras
na pel do abrente

coa levidade contornando a paisaxe
entre os cascallos da escuridade
-marchamos, coma o poema, marchamos-
a noite e os seus vestixios decrépitos
rematan na proxección do astro

percorremos o quinteiro de volta
ao chegar
coma na vida buscamos as chaves
coma na vida abrimos as portas
coma na vida rematamos con fame

eu atopara en vós:
a reviviscencia
seguir cantando entre os cumios
do taViKe e o taVaKo
subidos ao gran púlpito da amizade
meus, unha vez máis e para sempre
en consonancia:
...que bonita está polas noites Compostela...

sábado, 8 de julio de 2017

VIII




VIII

afluír
na unicidade doutra carne
-ese resoar de amor e morte-
que descoñece as escarpadas rexións da dor
sosterse, respirar, tremelucir
coa incandescencia das pupilas dun ferreiro
moldeando na zafra amálgamas retrospectivas
o mercurio dos personaxes truncados
no gume

disputar
mil batallas que nos pertencen
e morrer na trincheira, no xardín
co amor baténdote de fronte
as súas trobadorescas xeometrías
as balas de pólvora intravenosa
ferrándote
á vida

(Relento da consigna; 2º Premio XXIV Certame Literario de Poesía e Narración Breve de Cambre, 2017)

martes, 4 de julio de 2017

IX

 
IX

o poema comeza nun mar calmo
cos coitelos da catástrofe romos
o hálito prorrogándose
dilatando o istmo comunicado
coa península dos seus soños

o tempo: o amorodo estrangulándose
entre a lingua e o padal
a tersa rugosidade
as papilas, o refocilar
na magnitude espuria
do froito

contemplámonos na fusión da arnela
somos o abano de sedimentos e os cantos rodados
o percutido fluír no abatemento
a repousar sempre nos leitos do amor

as inquietudes pérdense
nun lene paseo unidireccional
e a friaxe das ondas
o sentir nuns pés renovados
a solidez do camiño

fitamos un balde violáceo de sangue quente
sucada por exiguos cúmulos de ás
néganse ao peche dun mundo
no que o poema quere rematar e nunca o fai
pois a percepción do instante
prolóngase

(Relento da consigna; 2º Premio XXIV Certame Literario de Poesía e Narración Breve de Cambre, 2017)