jueves, 6 de diciembre de 2018

Dádiva//Outono

  
O corpo solidario dá lugar: o dominio é presente. Francisco Cortegoso

Todas as mañás 
o esturno canta sobre a copa do ciprés 
coma se pronunciara a voz da Terra.

O seu reclamo lémbrame
o son dunha promesa 
atravesando os meus beizos,
pero non fun quen de anunciar
a súa chegada como pródiga.

O meu ollo congratúlase pola silueta do bando,
 a que define a frointeira
onde o rigor da distancia se impón,
onde os recordos pertencen
á cadencia do vento.

O meu ollo sabe claudicar.

Mentras, eu, o único esencial:
coñezo a estación
na que a folla cae
e leva consigo a vida.

(Imaxe: O Porto, Ponte do Mercador, Momán de Abaixo)

sábado, 20 de enero de 2018

Real poetry



saúdas a rosa que murcha pende sobre o azulexo
e cravas as córneas na imaxe cando interna recunca

sabemos que o nervio foxe de si por asentir no consciente
sendo quen de retraer a dirección dos efluvios

existe unha forma en potencia do ser
para explosión acústica sen límite
existe o volume que o sorriso esculpe no rostro
cando se cede á benvida





 a rapaza guinda unha lousa á superficie fluvial
ollando a magnitude fractal do rebote

marca un avance
distánciase

quería amosar como o tempo se alía con ela
quería saberse transhumancia mineral




despois de todo ninguén capaz de pronunciarse benévolo
no que desminte:

será que o nervio preexiste á man
será que a man co alimento seduce para optar

(Imaxes: Neste caso imaxes aleatorias coma un mesmo.)