O cardiño da lagoa (Eryngium viviparum Gay).
[As cousas boas fanse de esperar, só debemos botar man da paciencia.]
En canto a flora,
a maior xoia que alberga a Lagoa de Valverde, se non a de todos os medios
higrófilos que podemos atopar na nosa chaira, aquela que puido ver (xusto antes
de desaparecer deles) como se desecaban todas estas zonas para transformalas en
terras de cultivo, aquela que, tal que un anfibio, se agocha no período primaveral
baixo augas de escasa profundidade e moi osixenadas, mentres que durante o
período estival reaparece ao retroceder
a lámina de auga: o Eryngium viviparum.
Sen dúbida a
palabra fermosura representada nunha planta. Eryngium viviparum Gay é unha pequena plantiña pertencente a
familia das Umbelíferas (todas aquelas que presentan inflorescencias a modo de
umbela) que agroma en áreas inundadas estacionalmente. Estamos a falar dun
endemismo atlántico europeo, por desgraza pronto falaremos, se non falamos xa,
dun endemismo propio da Lagoa de Valverde.
Vinculado por
completo a existencia de humidais temporais, apoiados en sedimentos inorgánicos
arxilosos (arxilo-limosos) que perden facilmente a auga e presentan gran
dificultade de humectación. En tales humidais o ciclo hidrolóxico experimenta
grandes modificacións, dependente por completo da capacidade de manter o réxime
de inundación e das precipitacións. O que fai que E. viviparum, apareza nun biotopo seco e con limitacións de
humidade. Nestas condicións, completa o seu desenvolvemento, producíndose a
floración e a formación de froitos e sementes, ata a chegada do outono-inverno
coas súas baixas temperaturas e inundacións perpetuas.
Este tímido
hidrófito bienal, ten como compañeiros a: Baldellia ranunculoides, Ranunculus
flammula,Chamaemelum nobile e Isoetes velata. Compañeiros máis
chamativos, máis espontáneos, e ogallá... sexan por moito tempo.
Levaba moito
tempo buscando esta planta, as veces a experiencia sérvenos para saber... que
somos parvos. Ogallá a moitos nos sirva para saber iso. Quédome coa cara de
neno que se me quedou ao vela, abraiado aproximase moi pouco a maneira de
expresar como reaccionei.
(Fotos: E. viviparum, Baldellia ranunculoides, Ranunculus flammula, Chamaemelum nobile e Isoetes setacea na Lagoa de Valverde.)