martes, 21 de marzo de 2017

Soño inmortal






Soño inmortal

NOITE, noite infinda
viñeches na miña procura
e agora tundes en min,
veciño dos mudos
sobreviventes de si mesmos
na parroquia erma da penumbra.

Noite, noite má
a daquel día
buscaban bágoas os camposantos
e os adros xente que os pise,
penumbra sen tregua
no alxube dos tempos.

E agora vivo, na Odisea,
efémero átomo no universo,
son o paciente Penélope,
após do abrente, coso granito,
após do solpor, esfiáñoo en xabre,
e agárdote eternamente...
no edén do isolacionismo
onde os personaxes se trocan
truncados, tronzados
en núbiles sentimentos.

Vivo mortal, no soño inmortal,
o amor non é ser un escravo
senón un corazón cravado,
e se ti, fuches cravo,
e eu corazón,
esvaeceuse o corazón
mais nunca o seu cravo.

Soño inmortal, Resoar de amor e morte; 3º Premio "XVII certame de poesía Díaz Jácome para novos creadores".



(Foto: Flores da magnolia de Soulange no Pazo de Sistallo; Laura Mosquera)