martes, 21 de marzo de 2017

Soño inmortal






Soño inmortal

NOITE, noite infinda
viñeches na miña procura
e agora tundes en min,
veciño dos mudos
sobreviventes de si mesmos
na parroquia erma da penumbra.

Noite, noite má
a daquel día
buscaban bágoas os camposantos
e os adros xente que os pise,
penumbra sen tregua
no alxube dos tempos.

E agora vivo, na Odisea,
efémero átomo no universo,
son o paciente Penélope,
após do abrente, coso granito,
após do solpor, esfiáñoo en xabre,
e agárdote eternamente...
no edén do isolacionismo
onde os personaxes se trocan
truncados, tronzados
en núbiles sentimentos.

Vivo mortal, no soño inmortal,
o amor non é ser un escravo
senón un corazón cravado,
e se ti, fuches cravo,
e eu corazón,
esvaeceuse o corazón
mais nunca o seu cravo.

Soño inmortal, Resoar de amor e morte; 3º Premio "XVII certame de poesía Díaz Jácome para novos creadores".



(Foto: Flores da magnolia de Soulange no Pazo de Sistallo; Laura Mosquera)

lunes, 13 de julio de 2015

O cardiño da lagoa (Eryngium viviparum Gay).



[As cousas boas fanse de esperar, só debemos botar man da paciencia.]
En canto a flora, a maior xoia que alberga a Lagoa de Valverde, se non a de todos os medios higrófilos que podemos atopar na nosa chaira, aquela que puido ver (xusto antes de desaparecer deles) como se desecaban todas estas zonas para transformalas en terras de cultivo, aquela que, tal que un anfibio, se agocha no período primaveral baixo augas de escasa profundidade e moi osixenadas, mentres que durante o período estival  reaparece ao retroceder a lámina de auga: o Eryngium viviparum.
Sen dúbida a palabra fermosura representada nunha planta. Eryngium viviparum Gay é unha pequena plantiña pertencente a familia das Umbelíferas (todas aquelas que presentan inflorescencias a modo de umbela) que agroma en áreas inundadas estacionalmente. Estamos a falar dun endemismo atlántico europeo, por desgraza pronto falaremos, se non falamos xa, dun endemismo propio da Lagoa de Valverde.
Vinculado por completo a existencia de humidais temporais, apoiados en sedimentos inorgánicos arxilosos (arxilo-limosos) que perden facilmente a auga e presentan gran dificultade de humectación. En tales humidais o ciclo hidrolóxico experimenta grandes modificacións, dependente por completo da capacidade de manter o réxime de inundación e das precipitacións. O que fai que E. viviparum, apareza nun biotopo seco e con limitacións de humidade. Nestas condicións, completa o seu desenvolvemento, producíndose a floración e a formación de froitos e sementes, ata a chegada do outono-inverno coas súas baixas temperaturas e inundacións perpetuas.
Este tímido hidrófito bienal, ten como compañeiros a: Baldellia ranunculoidesRanunculus flammula,Chamaemelum nobile e Isoetes velata. Compañeiros máis chamativos, máis espontáneos, e ogallá... sexan por moito tempo.
Levaba moito tempo buscando esta planta, as veces a experiencia sérvenos para saber... que somos parvos. Ogallá a moitos nos sirva para saber iso. Quédome coa cara de neno que se me quedou ao vela, abraiado aproximase moi pouco a maneira de expresar como reaccionei. 
(Fotos: E. viviparumBaldellia ranunculoidesRanunculus flammulaChamaemelum nobile e Isoetes setacea na Lagoa de Valverde.)