sábado, 20 de enero de 2018

Real poetry



saúdas a rosa que murcha pende sobre o azulexo
e cravas as córneas na imaxe cando interna recunca

sabemos que o nervio foxe de si por asentir no consciente
sendo quen de retraer a dirección dos efluvios

existe unha forma en potencia do ser
para explosión acústica sen límite
existe o volume que o sorriso esculpe no rostro
cando se cede á benvida





 a rapaza guinda unha lousa á superficie fluvial
ollando a magnitude fractal do rebote

marca un avance
distánciase

quería amosar como o tempo se alía con ela
quería saberse transhumancia mineral




despois de todo ninguén capaz de pronunciarse benévolo
no que desminte:

será que o nervio preexiste á man
será que a man co alimento seduce para optar

(Imaxes: Neste caso imaxes aleatorias coma un mesmo.)

domingo, 24 de diciembre de 2017

Brinde




Contemplar a liña da man
sostendo os capilares que a enfían

disporás as palmas en cunca

que escancien pétalas sobre ti
como a densidade da choiva sobre a raíz que alimenta

que escancien a voz no soñado

brindaremos

Imaxe: Xardíns da Alhambra.

sábado, 23 de diciembre de 2017

The arctic





 lembra do ártico    tamén hábitat
a pelaxe do raposo encetando o estío
os narvais perforando os derradeiros fragmentos da banquisa
pra respirar
aníñanse coma ti en favor do desxeo: mostrando os incisivos

que tanta criatura emerxendo na diapausa
violando a adversidade para sincronizar o desexo

o paso cara o ciclo tamén é resistencia
o paso da permuta
o paso

pronto decatarse que sorrir é unha forma cristalina
por iso o poema

Imaxe: raposo ártico (Alopex lagopus) en plena muda.

domingo, 23 de julio de 2017

COMPOSTELA






Para Oscar Chavarría e Dani Francos

COMPOSTELA
 
o poema comeza cromando as pautas da esperanza
percorrendo un quinteiro orfo de barbarie
a mesma aorta de todos os días:     xoves
entre o arrabalde e o corazón
un grafismo     prorrogándose
coma o licor café do Avante

construímos unha cerbatana
os fíos das oucas entre os beizos
humedecidos -coma sempre- humedecidas
invertemos o sopro
as metáforas afogando a estrofa
o curare
medir a distancia da perfección     finita
coñecer onde garda a sede     a gorxa
presentir ecos de pálpebras
a transparencia: nós
cos sentidos namorados de si mesmos
das súas propias intencións

ao mellor da tempo de:     ir ó Ruta
comentoulle unha rosa amputada a unha palmeira
mentres, o da Traba ás voltas con Federico Antón
que se marcha mañá, que se vai prá Habana
e o epiléptico -sorrir é aguilloar a morte-
sen vitaminas

ouvimos como esvara o tempo
entre bandeiras
ególatras do bulicio
por cada soño un grolo
ate encherse de ilusión
ou de luz

as badaladas dun edificio amantado
a viruxe erguendo sotanas: a fe irta
o trino dos paxaros: as 5:52
anunciando
a evaporación das tebras
na pel do abrente

coa levidade contornando a paisaxe
entre os cascallos da escuridade
-marchamos, coma o poema, marchamos-
a noite e os seus vestixios decrépitos
rematan na proxección do astro

percorremos o quinteiro de volta
ao chegar
coma na vida buscamos as chaves
coma na vida abrimos as portas
coma na vida rematamos con fame

eu atopara en vós:
a reviviscencia
seguir cantando entre os cumios
do taViKe e o taVaKo
subidos ao gran púlpito da amizade
meus, unha vez máis e para sempre
en consonancia:
...que bonita está polas noites Compostela...