domingo, 23 de julio de 2017

COMPOSTELA






Para Oscar Chavarría e Dani Francos

COMPOSTELA
 
o poema comeza cromando as pautas da esperanza
percorrendo un quinteiro orfo de barbarie
a mesma aorta de todos os días:     xoves
entre o arrabalde e o corazón
un grafismo     prorrogándose
coma o licor café do Avante

construímos unha cerbatana
os fíos das oucas entre os beizos
humedecidos -coma sempre- humedecidas
invertemos o sopro
as metáforas afogando a estrofa
o curare
medir a distancia da perfección     finita
coñecer onde garda a sede     a gorxa
presentir ecos de pálpebras
a transparencia: nós
cos sentidos namorados de si mesmos
das súas propias intencións

ao mellor da tempo de:     ir ó Ruta
comentoulle unha rosa amputada a unha palmeira
mentres, o da Traba ás voltas con Federico Antón
que se marcha mañá, que se vai prá Habana
e o epiléptico -sorrir é aguilloar a morte-
sen vitaminas

ouvimos como esvara o tempo
entre bandeiras
ególatras do bulicio
por cada soño un grolo
ate encherse de ilusión
ou de luz

as badaladas dun edificio amantado
a viruxe erguendo sotanas: a fe irta
o trino dos paxaros: as 5:52
anunciando
a evaporación das tebras
na pel do abrente

coa levidade contornando a paisaxe
entre os cascallos da escuridade
-marchamos, coma o poema, marchamos-
a noite e os seus vestixios decrépitos
rematan na proxección do astro

percorremos o quinteiro de volta
ao chegar
coma na vida buscamos as chaves
coma na vida abrimos as portas
coma na vida rematamos con fame

eu atopara en vós:
a reviviscencia
seguir cantando entre os cumios
do taViKe e o taVaKo
subidos ao gran púlpito da amizade
meus, unha vez máis e para sempre
en consonancia:
...que bonita está polas noites Compostela...

No hay comentarios:

Publicar un comentario