Brigantium, loita e memoria
Cando o mestre entrou pola porta,
dirixiuse ao encerado e nunha figurada letra cursiva, escribíu:
Narcisismo
Sigo os pasos do sangue no meu corpo
e coa unlla do meu dedo máis firme
abro un sulco vermello en media lúa
na vea que me acolle tan azul.
Pouco antes, co condicionante de
prestarllo a quen mo pedira, regalárame un libro (55 mentiras sobre a lingua galega), no que pon:
¿Como chamaríamos a un home que consentise o derrubamento do Pórtico da
Groria? Pois é certamente máis bárbaro quen deixa morrer o idioma, obra de arte
insuperable, feita con amor, con door e con ledicia polos nosos antergos, que
recibimos en herdo e que temos a obriga de enriquecer co espirito do noso
tempo.
Alfonso R. Castelao
Na terceira mentira cítase:
3. A lingua galega nunca foi discriminada. O pobo galego elixiu
voluntariamente o castelán na procura do seu benestar. Os galegos adoptaron de
maneira natural o castelán porque viron que lles abría máis posibilidades de
futuro que o galego.
1717: Decreto de nueva planta: "los
corregidores pondrán el mayor cuidado en introducir la lengua castellana, a
cuyo fin darán las providencias más templadas y disimuladas para que se consiga
el efecto sin que se note el cuidado".
1768: Real cédula de Aranjuez. Art. VII:
"Mando que la enseñanza se haga en lengua castellana dondequiera que se
practique, cuidando de su cumplimiento las audiencias y justicias
respectivas".
1896: Prohibición da Dirección General de Correos y Telegrafos para falar por teléfono en
linguas diferentes do castelán.
1936: No xuízo sumarísimo e ilegal ao que
foi sometido en Pontevedra Alexándre Bóveda (17/8/1936), o presidente do
tribunal que o xulgou permitiulle dicir unhas palabras ao final, pero con dúas
condicións: falar só por espazo de dez minutos e "no expresarse sino en el
idioma glorioso de los buenos españoles, que es el español, y de ninguna manera
en el dialecto gallego".
1942: O xornal El Ideal Gallego publica que "el Gobernador de la provincia
multó a varios vecinos por hablar en público en gallego".
1955: Nunha folla voandeira saída da
Imprenta Sindical da Coruña e distribuída por toda Galicia dicíase: "Hable
bien. Sea patriota. No sea Bárbaro. Es de cumplido caballero que Usted hable
nuestro idioma oficial, o sea, el castellano. Es ser patriota. Viva España y la
disciplina y nuestro idioma cervantino (nunca poderei pronunciar as palabras
que proseguen entre exclamacións) ¡¡Arriba España!!".
1967: O ministro de Información e
Turismo, Manuel Fraga Iribarne, ameaza con pechar o xornal coruñés La Voz de Galicia se lle outorgan un
premio a un artigo escrito en galego. O director do xornal, Francisco Pillado
Rivadulla, foi multado con 50.000 pesetas da época (hoxe, aproximadamente,
10.000 euros).
2007: O regulamento interno da UNED
prohibía usar en traballos de investigación outras linguas que non fosen o
español "ou linguas internacionais", pero non o galego, catalán ou
éuscaro; só a teimosía e resistencia dun doutor galego, que tivo a tese
paralizada tres anos por estar no noso idioma, conseguiu que se abolise moi
recentemente esa prohibición.
2008: Seguen aínda en vigor arredor de 150
disposicións, artigos e decretos que obrigan ao uso do castelán na industria e
no comercio (etiquetaxe, prospectos, instrucións de uso, etc.). Só en 2008,
tres reais decretos impoñían o uso do español na etiquetaxe: RD 1079/2008, RD
1246/2008 e RD 1644/2008; porén, seica o artigo que obrigaba ao bilingüismo
castelán-galego na Lei de comercio galega é imposición, os outros 150 que obrigan
ao monolingüísmo en español non o son.
AMIGOS! a nosa vida é unha
ininterrompida loita concisa: os pés da Patria, o idioma. Por iso quero
agradecer a todos os aquí presentes e en especial aos premiados, o feito de
forxar a identidade da nosa lingua, de forxar a conciencia de articular unha
renovada comunicación en galego. Especialmente quérolle agradecer a "O
Facho" a súa transcendencia histórica tanto para A Coruña coma para o
País. Para iso debo lembrar que foi fundada na década dos 60, coma a maioría de
asociacións que xurdiron a greas naquel tempo; cando o franquismo deu as
derradeiras poutadas tanxibles en Moncho Reboiras e Humberto Baena. Debo
lembrar polo tanto, o voso heroico exercicio de defensa e promoción da nosa
lingua nun tempo tan escuro.
Emprazada na
"FedericoTapia" (pois por aquí e daquela non se citaban as rúas como
"rúas"), nese dobre gume da lanza que desertou: en pleno centro
burgués. Os membros da BPS adoitaban virvos ás conferencias, pois os vosos
fundadores non entendían a loita cultural ao vello xeito. A idea da cultura
como reduto "non político" morrera e morreu con Vicente Risco; a
partir de aí tense clara a conciencia de que todo contido cultural é político e
viceversa.
Após de loar a vosa labor durante a
época da resistencia antifranquista, quérovos agradecer o feito de ser berce de
poetas como Lois Pereiro cuxa morte aínda ten hoxe responsabilidades políticas
derivadas dun sistema capitalista que enfunda o seu lóbrego traxe neoliberal.
De poetas como o meu gran mestre Xabier Cordal, aínda que debedes saber que nos
eidos da poesía máis ben son autodidacta. Recentemente de Tamara Andrés, da que
estou ben fixo que (se non o é xa), será unha das grandes voces renovadoras da
nosa literatura; pois non sei que lles dan de comer en Pontevedra, debe ser o
"Omega-3" das sardiñas, a min que me gusta máis o touciño, non teño
tanto aporte vitamínico.
Remato con dúas citas, na primeiro
puiden citar aos centos de republicanos, sindicalistas e esquerdistas,
xeralmente sacados do cárcere da Coruña e paseados no Campo da Rata, onde esta
escrito:
Inmolados nestes campos fronte o mar tenebroso por amar causas xustas.
Presentes na lembranza do povo e do seu concello da Coruña.
Isaac Díaz Pardo
Na primeira:
Home de 33 anos, Mestre, Natural de
Carballo (A Coruña), Veciñanza: Sergude, Carral, Morto o 07 de decembro de
1940. Detención en Carral e 3 meses de prisión na Coruña en 1936. Dous anos de
suspensión de emprego e soldo. Mobilización no exército franquista. Deserción e
detención. Xulgado na Coruña por traizón á patria co resultado de sentenza a
pena de morte. Execución no Campo da Rata.
Na segunda:
"Juana: Has sido lo más hermoso
de mi vida. Donde esté y mientras pueda pensar, pensaré en ti. Será como si
estemos juntos. Beso tu anillo una vez cada día. Te quiero. Paco. Para Juana
Capdevielle, mi querida esposa. Viernes, 24 de julio de 1936, cinco de la
madrugada."
Francisco Pérez Carballo
25 días despois reencontraríanse: o
cadáver de Juana Capdevielle presentando un avanzado estado de xestación,
apareceu nos arredores de Rábade (Lugo). Por todo isto, e por moito máis:
#Loitade
Na man o
naranxeiro
entre a
pólvora das balas
soamente o
calibre
da memoria.
Brigantium,
por sempre, Brigantium!
No hay comentarios:
Publicar un comentario